Facultade de Fisioterapia

Mentoring-FFT 2017-2018

O programa Mentoring-FFT é unha parte fundamental do Plan de Acción Titorial (PAT) da Facultade de Filoloxía e Tradución.

Durante anos, foi o profesorado quen exerceu o labor de mentor do alumnado do primeiro curso. Dende 2015/2016 é o alumnado de cursos avanzados quen se involucra no proceso de orientación ao estudantado que comeza os seus estudos universitarios. Outro cambio importante é que as persoas que participan no programa son seleccionadas e formadas especificamente para este programa de mentorización. O estudantado novo, mentees, está mentorizado por outras/os estudantes, mentors, e como consecuencia lóxica cremos que mellorarán en termos de comunicación e de resultados. Isto non é soamente unha idea ou asunción, senón que está corroborado con datos estatísticos recollidos sobre os anos que levan impartindo o programa de mentorización na Escola de Enxeñaría e Telecomunicación (MEET-Teleco).

O programa Mentoring-FFT é unha oportunidade tripla:

  • Para o alumnado mentor porque, alén das competencias académicas que ides adquirir como estudantes da Facultade de Filoloxía e Tradución (FFT), na vosa vida laboral (e persoal) ides precisar outras habilidades relacionadas co trato con persoas (clientes, xefes, compañeiras/os, persoal ao cargo, etc.), e tamén habilidades relacionadas co coñecemento e a xestión de vós mesmas/os. Mentoring-FFT proporciónavos unha introdución a estes aspectos e, cun enfoque eminentemente aplicado, ofrécevos a oportunidade de vivir unha primeira experiencia de liderado, axudando ao crecemento persoal de compañeiras/os recentemente chegadas/os á Facultade.
  • Para o alumnado tutelado, mentees, porque ides contar co apoio de outras/os estudantes que, inda que con máis experiencia, están moi próximas/os a vós, que coñecen de primeira man os vosos problemas e dificultades na incorporación á Universidade e están dispostas/os a orientarvos para que superedes as primeiras andaduras.
  • Para a Facultade porque, por unha banda, o alumnado mentor mellorará as súas competencias, incrementando así a súa empregabilidade; por outra banda, os efectos beneficiosos sobre o alumnado tutelado (mentees) favorecerán a súa integración, a súa motivación e os seus resultados académicos. É unha oportunidade, en suma, para xestar unha cultura de organización baseada en aspectos que non son unicamente académicos.

EN QUÉ CONSISTE?

A Facultade de Filoloxía e Tradución, con axuda do Vicerreitorado de Organización Académica e Profesorado da Universidade, proporcionará formación específica para o alumnado que se ofreza voluntariamente e que sexa seleccionado para o rol de mentor. Esta formación será impartida por profesorado da UVigo especializado no ámbito de recursos humanos.

Dende a perspectiva do alumnado mentor, o proceso terá dúas etapas:

  • Etapa de formación: dúas semanas nos meses de maio/xuño 2017 e dúas semanas en setembro 2017.
  • Etapa de mentoring: ao longo do período lectivo do curso 2017/2018.

A formación recibida no programa Mentoring-FFT e a actividade de voluntariado levada a cabo será debidamente acreditada. A maiores, solicitarase á Universidade a concesión de créditos ECTS para o alumnado mentor de grao.


CAL É O COMPROMISO DOS MENTORES?

Se te apuntas como mentor, os teus compromisos concretos son os seguintes:

  • Asistir aos cursos e talleres de formación (maio/ xuño máis setembro).
  • Liderar as reunións cos mentees (4 por cuadrimestre) e cubrir as actas de titorización que se deriven delas.
  • Asistir e participar nas reunións de coordinación de mentores/as (mentores/as + coordinadoras do programa na FFT), onde podedes consultar dúbidas, pedir axuda ou aclarar calquera cuestión que vos xurda.

QUÉ REQUISITOS EXISTEN PARA SER MENTOR?

Para ser mentor/a esixiranse algúns requisitos, pois non temos a capacidade de ofrecer esta oportunidade de formación a todo o alumnado do Grao en Lingua Estranxeiras. Farase unha selección entre o alumnado interesado en participar neste programa. As condiciones básicas son:

  • Ser estudante de 2º ou 3º curso do Grao en Linguas Estranxeiras no momento de solicitar a participación no programa.
  • Ter dispoñibilidade para participar na fase de mentoring (incompatible, polo tanto coa participación en programas de mobilidade — Erasmus, ISEP, Séneca, etc. — no curso 2017/2018).

Darase prioridade ao alumnado de 3er curso por ser esta a última oportunidade que teñen de participar no programa de Peer Mentoring. Se fose necesario, a coordinación podería recorrer a unha entrevista persoal de selección.


ONDE APUNTARSE?

Para participar como mentor/a deberás cubrir un breve formulario online en datas que se anunciarán con antelación (probablemente ao longo do mes de abril de 2017). O resultado da selección comunicarase persoalmente por correo electrónico.

Se desexas máis información sobre o programa, en xeral, ou sobre calquera dos seus aspectos, podes dirixirte ás coordinadoras do Programa Mentoring-FFT, Nuria Yáñez (986 813 772) e Elena Seoane (986 818 777) ().