Intercambios Internacionais

Alumnado saínte da FFT (OUTGOING)

A Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo anima de maneira especial ao alumnado a que realice estadías no estranxeiro durante a súa formación académica.

Os principais programas internacionais de mobilidade son Erasmus+, Convenios Bilaterais (Bolsas propias e Santander), ISEP e Erasmus Mundus. Todos eles xestionados dende a Oficina de Relacións Internacionais (ORI) da Universidade de Vigo. Podes consultar as convocatorias en: http://www.uvigo.gal/uvigo_gl/administracion/ori/uvigo/

Para o alumnado que desexe cursar estudos noutras universidades do Estado, existe tamén o programa SICUE, xestionado polo (SIOPE).

Nalgúns casos, cabe a posibilidade de que o alumnado poida realizar un libre intercambio con outras universidades á marxe dos programas, acordos ou convenios subscritos pola universidade. http://www.uvigo.gal/uvigo_gl/vida/mobilidade/uvigo/mobilidade.html.

En primeiro lugar, tes que te pór en contacto co servizo que xestione a mobilidade que desexas solicitar e prestarlles atención ás diferentes convocatorias. Nesta ligazón tes información sobre o proceso de selección e os requisitos da FFT.

Unha vez concedida a bolsa ou estadía e asignado o destino, terás que facer algúns trámites: deberás tratar os asuntos administrativos coa ORI/SIOPE (xestión das bolsas,  póliza de seguros, certificados de chegada e de fin de estadía, etc.) e os académicos coa FFT (contrato de estudos, recoñecemento de créditos, etc.).

Despois de que a ORI te «nomee» oficialmente (é dicir, que envíe os teus datos á universidade de destino), recibirás información da devandita universidade. Tras o período de nomeamento, o máis probable é que a universidade de destino che envíe un correo electrónico ou unha carta, mais se non é así, debes porte ti en contacto con ela ou consultar na súa web o modo de solicitar a admisión Erasmus. Cómpreche seguires os pasos que che indiquen, xa que cada universidade ten diferentes procedementos, datas, requisitos para a matrícula e o aloxamento, etc.

Nos programas de mobilidade internacionais recibirás unha guía informativa dos pasos que debes seguir.

A parte académica é responsabilidade da FFT. Aquí encargámonos principalmente da xestión do contrato de estudos e das posibles modificacións, así como do recoñecemento dos estudos que curses durante a estadía.

Unha vez teñas asignado un destino, a Secretaría Virtual ha xerar o teu contrato de estudos no que deberás incluír as materias que vas cursar na Universidade de Vigo e as da universidade de destino. Debes facer este contrato antes de te matriculares na Universidade de Vigo. O número máximo de créditos que se recoñecerán é de 30 para un cuadrimestre e de 60 para o curso completo.

Non se poden incluír no contrato materias que estean suspensas na Universidade de Vigo (excepto no programa SICUE, no que podes incluír UNHA materia que teñas suspensa na Universidade de Vigo). Pódeste matricular nelas para examinarte durante o curso que esteas fóra, pero non incluílas no contrato. As consultas sobre a matrícula da FFT debes dirixirllas á Secretaría de Alumnado (secfft@uvigo.es. Tel.: 986 81 22 53).

Para escolleres as materias da universidade de destino, consulta a súa oferta formativa na páxina web do centro e ponte en contacto co titor ou titora do devandito destino na FFT. Ao faceres o contrato, debes seguir os criterios para a elección das materias de cada un dos graos e cursos.

Unha vez que o titor ou titora do destino concedido che dea o visto e prace ao contrato de estudos, débelles pedir ao Vicedecanato de Relacións Internacionais que cho revise e valide (fft.internacional@uvigo.es).

Unha vez validado o contrato de estudos, xérase un documento que che imprimirán no Vicedecanato e que ti terás que asinar, así como pedir que cho asine a persoa coordinadora do intercambio na universidade de destino. Cando estea asinado polas tres partes, teslles que enviar unha copia ao Vicedecanato de Relacións Internacionais e outra á ORI.  Se o envías escaneado, non te esquezas de gardar o documento orixinal.

Se, por calquera razón, tes que modificar o contrato de estudos durante a estadía, dispós de 1 mes dende que empece o cuadrimestre para facelo.

En primeiro lugar, debes consultar o cambio co teu titor/a e, unha vez que teñas o seu visto e prace, teslle que comunicar o devandito cambio ao Vicedecanato da FFT e pedirlle que che poña o contrato «en preparación». Unha vez realizados os cambios, teslle que pedir ao Vicedecanato que cho valide de novo e que cho envíe asinado e selado. Despois, debes asinalo ti e mais a persoa coordinadora na Universidade de destino e enviárllelo con todas as sinaturas ao Vicedecanato da FFT e á ORI.

Importante: Se modificas algunha materia da Universidade de Vigo, debes avisar a Secretaría de Alumnado.

Xa de volta da túa estadía, deberás presentar a certificación académica orixinal Transcript of Records (algunhas universidades envíanlla directamente á Universidade de Vigo). Asegúrate de que na tal certificación aparecen todas as materias que figuran no teu contrato de estudos, así como o número de créditos ECTS de cada materia.

O Vicedecanato comprobará que as materias que aparecen na túa certificación académica son as mesmas que na última versión do contrato de estudos. Tras efectuar esta comprobación, o Vicedecanato procederá ao recoñecemento de créditos, segundo os criterios aprobados pola Comisión de RRII da FFT.

Se non estás de acordo coa cualificación, deberás porte en contacto en primeiro lugar co Vicedecanato, para expresarlle o teu descordo, e, se a súa resposta non te satisfai, facer un escrito razoado e dirixilo ao Decano/a da FFT.